Historia
Percorridos
  Rías Baixas - Salnés
  Portugal - Galicia Meridional
  Rías Baixas - Barbanza
  A Costa da Morte - Finisterre
  Rías Altas
  Ribeira Sacra - Cañóns do Sil
  Pazos y Jardines Históricos
  Padrón
  Ribeira Sacra
 
   
 
   
 
   
 
   
 
 
 
 
 
 
 

Historia

Santiago de Compostela é, sobre todo, unha cidade monumental, un milagre pétreo que se foi conformando ao longo dos séculos arredor do sepulcro do Apóstolo Santiago o Maior e que deu como resultado un dos conxuntos arquitectónicos máis espléndidos e harmónicos do mundo. Considerada unha das tres capitais espirituais da cristiandade xunto con Roma e Xerusalén, desde a Idade Media converteuse en meta das peregrinacións relixiosas, fenómeno que daría orixe ao Camiño de Santiago, verdadeira columna vertebral da arte e do pensamento da que, segundo dixo Goethe, nacería a idea de Europa. Gracias a ese camiño, Compostela estendeu por toda Europa as súas creacións do mesmo xeito que todas as correntes de cultura atoparon o seu reflexo na cidade.

Desde o século XII Santiago é sede metropolitana e conta co privilexio do Ano Santo Xubilar, que se celebra cando a festividade do Apóstolo (o día 25 de xullo) coincide en domingo, é dicir, cada 6, 5, 6 e 11 anos. Desde antigo, Compostela é tamén un importante centro cultural. Na súa Universidade cinco veces centenaria cursan estudios máis de 35.000 universitarios, o que lle outorga un carácter xuvenil e dinámico que se traduce na programación de infinidade de actos culturais ao longo do ano, para os que conta con importantes e modernas infraestructuras. Pero a vida cultural compostelá, pálpase máis aló das programacións oficiais: centos de concertos, representacións teatrais, exposicións e actos de todo tipo teñen lugar nas salas alternativas, nas galerías e nos establecementos onde transcorre a animada vida nocturna da cidade.

Santiago de Compostela é desde 1980 a capital política e administrativa da Comunidade Autónoma de Galicia, unha comunidade histórica que posúe a súa propia lingua, o galego, e unha florecente cultura. Ten unha poboación de dereito de 97.000 habitantes, á que lle hai que engadir o importante colectivo universitario que sitúa a poboación de feito nunhas 130.000 persoas. Na actualidade, Compostela segue a ser unha cidade aberta con vocación de lugar de encontro. Ademais de meta de peregrinación, é un centro turístico de primeira magnitude cun termo medio anual de 3,5 millóns de visitantes, que en Ano Santo aumenta ata os sete millóns. Lugar de reunión para congresistas de todo o mundo, posúe unhas magníficas comunicacións que inclúen un Aeroporto internacional, e modernos e variados servicios hostaleiros.

Polo seu inigualable patrimonio cultural e arquitectónico, a cidade de Santiago de Compostela foi declarada en 1940 Conxunto Histórico-Artístico e Monumento Nacional. En 1984 foi declarada pola UNESCO Patrimonio Cultural da Humanidade e posúe numerosos premios e distincións que recoñecen o seu labor no eido da conservación e posta en valor do seu rico patrimonio: Premio e Bandeira de Europa e Medalla da Asemblea Parlamentaria (Consello de Europa), Premio Firenze (Commune di Firenze), Premio Real Fundación de Toledo, Premio Gubbio, Premio Europa Nostra, Premio Europa de Urbanismo (Comisión Europea), Premio Manuel de la Dehesa, Cidade Europea da Cultura do Ano 2000 e Premio Nazionale Torre Guinigi (Italia). Ademais, o Camiño de Santiago foi declarado polo Consello de Europa Primeiro Itinerario Cultural Europeo e Patrimonio Cultural da Humanidade pola UNESCO.

Este milagre arquitectónico de Compostela é o resultado dun proceso histórico no que os artistas de cada época foron completando e perfeccionando o existente, mantendo sempre un intenso diálogo entre o novo e o antigo, entre o sagrado e o profano. O resultado é unha cidade única que mostra os sucesivos estratos da súa formación dun xeito calculado e harmónico, onde cada peza se articula coas demais para outorgarlle unha dimensión coral a todo o conxunto. A fecunda historia de Santiago aflora en cada rúa, praza e monumento. É por iso que propoñemos este percorrido pola historia de Santiago de Compostela a través da súa arquitectura, na procura de coñecer a esta cidade en toda a súa dimensión.

informacion facilitada por www.santiagoturismo.com